Saturday 27 de April de 2024

Casa Castro leva o premio ao mellor pincho da VII Ruta de Tapas ‘Que rico estás Boqueixón’


O Concello realizou o sorteo dos tres premios para a clientela que completou entre 4 e 6 selos dos establecementos participantes

O Salón de Plenos do Concello de Boqueixón acolleu esta mañá o reconto de votacións e o sorteo de premios da VII Ruta de Tapas ‘Que rico estás Boqueixón’. En xeral, os hostaleiros indicaron que as cifras de asistencia foron semellantes ás da edición anterior.

O alcalde boqueixanés, Manuel Fernández Munín, agradeceu ao sector hostaleiro a súa participación nesta iniciativa e á veciñanza que se achegase durante as dúas pasadas fins de semana aos seis establecementos para degustar as súas distintas propostas culinarias. Tamén agradeceu a colaboración do Consello Regulador das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia no desenvolvemento desta proposta.

Foron arredor de medio cento as papeletas que se depositaron nas distintas urnas localizadas nos establecementos da VII Ruta de Tapas. Da vintena de papeletas que contiñan os 6 selos, realizouse a elección da tapa gañadora deste ano. A elección do público foi para o pincho Bao na cunca, elaborado por Casa Castro. No segundo posto quedou a Cervexería O Vikingo coa súa proposta Nove reinos. No terceiro lugar, houbo un empate entre o Xarrete ó mencia con tempura de verduras á augardente, do Bar Restaurante O Imprevisto, e o Mar e terra-pescadilla á crema, do Bar A Barreira.

Ademais do reconto de votos tamén se realizou o sorteo dos tres premios entre a clientela da VII Ruta de Tapas ‘Que rico estás Boqueixón’. Este foi retransmitido en directo a través da páxina de Facebook do Concello de Boqueixón.

No caso das persoas que tiñan 4 ou máis selos, sorteouse un lote de botellas de viño, cortesía das/os hostaleiras/os participantes na Ruta das Tapas e un lote de produtos amparados polo Consello Regulador Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. Este premio foi para Alejandro Bermúdez Devesa.

Entre a vintena de clientes que completaron os selos de todos os establecementos participantes realizouse o sorteo de dous agasallos. O primeiro -un premio en metálico de 120 €, aportado polas/os hostaleiras/os da Ruta de Tapas de Boqueixón e un lote de destilados galegos- recaeu en Manolo Ferreiro Campos. O segundo –un vale regalo por valor de 120 € para canxear por unha comida/cea nun dos estabelecementos participantes por cortesía do Concello de Boqueixón e un lote de destilados- levouno María Jesús García Castro.

A entrega de premios á clientela e de diplomas aos hostaleiros realizarase o próximo venres 21 de decembro no Salón de Plenos. Tamén se aproveitará a ocasión para entregar os galardóns do VI Certame Fotográfico Boqueixón en Imaxes.